Friday 19 de April de 2024

Postaleiros de toda Galicia reuniranse na Coruña o 17 de setembro no Encontro Galego de Postcrossing


O certame para potenciar a correspondencia escrita desenvolverase na Casa Museo Casares Quiroga

A figura de María Casares centra as actividades preparadas para esta edición

Postaleiros e postaleiras de toda Galicia reuniranse o próximo 17 de setembro na Coruña no IX Encontro Galego de Postcrossing e que terá a figura de María Casares, coincidindo coa celebración do centenario do seu nacemento, como eixo das actividades que se levarán a cabo.

O Encontro Galego de Postcrossing, que terá lugar por primeira vez na Coruña, mestura as actividades presenciais coas virtuais, se ben a cita para as persoas interesadas será na Casa Museo Casares Quiroga, xa que a partir das 10.30 horas está prevista a realización dunha visita dos e das participantes polas instalacións do centro para a continuación levar a cabo unha escrita conxunta de postais.

Postcrossing é unha web (www.postcrossing.com), unha rede social que combina unha parte analóxica, con intercambio de postais impresas, e outra dixital, rexistradas na web. Calquera pode inscribirse e participar, ben como persoa, como familia ou como grupo de clase, no caso dos centros educativos.

O ano pasado, Postcrossing tiña máis de 800.000 membros en 208 países que rexistraron e intercambiaron máis de 61 millóns de postais que viaxaron máis de 308.000 millóns de quilómetros.

Ademais de ser unha forma de intercambio de postais, constitúe unha maneira de conservar a comunicación escrita en papel e de practicar idiomas, xa que se intercambian postais con persoas de todo o mundo. Aínda que o inglés é a lingua maioritaria, pódense escribir e recibir en calquera idioma.

Alén desta actividade de intercambio, de carácter máis individual, celébranse tamén encontros de carácter presencial, abertos o a todo o público para xuntarse e escribir en grupo. No caso do evento do 17 de setembro, aprovéitase o Centenario María Casares para facer un encontro ao redor desta figura senlleira, motivo polo cal se elixiu como lugar de encontro a Casa Museo Casares Quiroga.

No IX Encontro Galego de Postcrossing poden participar persoas de todas as idades e intereses. Non fai falta estar rexistrado na web nin ter enviado postais antes. Só cómpre ter ganas de compartir unha experiencia de escrita colectiva. De feito, os nenos e nenas tamén poden participar, xa que poden gozar de pegar os selos, decorar as postais ou engadir un pequeno debuxo.

É posible participar no encontro de dous xeitos diferentes. O primeiro é enviando unha postal antes do 17 de setembro contando o que a persoa interesada sabe de María Casares ou o que lle pode interesar da súa figura. Neste caso é importante incluír o enderezo para que se lle poida responder (aínda que esta correspondencia non será publicada en ningures, compartido con ninguén, nin empregado para outros fins que a participación no encontro).

A postal ten que estar dirixida ao seguinte enderezo: IX Encontro Galego de Postcrossing “María Casares”; Apartado de Correos 201; Rúa do Franco nº 4; 15780 Santiago de Compostela – A Coruña. Despois do día 17 a persoa recibirá unha postal especialmente impresa con motivo do encontro, cun selo a xogo e un recordo moi especial.

A segunda opción para participar neste evento é asistindo directamente o día 17 á Casa Museo Casares Quiroga para compartir a xornada. As 10.30 horas comezarase cunha breve visita ao museo e logo haberá unha xuntanza para compartir as postais recibidas e respondelas entre todos os e as asistentes. Pódese tamén aproveitar para escribir a outras persoas e, en todo caso, recuperar esta actividade de escritura que xa virou a nostálxica.